Un Pazo de Nadal animará as festas na Praza do Mar de Sanxenxo

Sanxenxo
21 de outubro 2025

O Concello de Sanxenxo anuncia a instalación dunha gran carpa de 2.100 metros cadrados que contará con mercado de Nadal, área de xogos, espazo gastronómico e zona para actuacións

Recreación do Pazo de Nadal que se pretende instalar na Praza do Mar de Sanxenxo
Recreación do Pazo de Nadal que se pretende instalar na Praza do Mar de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A Praza do Mar concentrará a actividade lúdica e festiva durante o Nadal en Sanxenxo cun 'Pazo de Nadal'.

O Concello confirmou a instalación neste enclave privilexiado dunha gran carpa de 2.100 metros cadrados que contará con mercado de Nadal, área de xogos, espazo gastronómico e zona para actuacións e actividades.

A carpa, explican, terá forma de iglú cun ancho mínimo de 30 metros e catro espazos diferenciados.

Este Pazo de Nadal está previsto que permaneza aberto desde o 5 de decembro até o 6 de xaneiro.

O aluguer da carpa e a súa colocación acaba de saír a licitación por 89.903 euros. Será, sinala o Concello, modular e totalmente desmontable cumprindo as normas e condicións de solidez e seguridade aplicables a este tipo de instalacións.

Neste proceso de licitación valorarase especialmente a estética de deseño da carpa no seu conxunto incluíndo o chan a base de tarima de madeira con moqueta antiescorregadiza e iluminación ambiente LED. Ademais, a adxudicataria deberá dispor de persoal técnico durante todo o período de funcionamento da carpa e as súas instalacións, capacitado para realizar labores de mantemento.

No que respecta á ambientación do Nadal no municipio, o Concello de Sanxenxo lembra que a iluminación do Nadal está en proceso de licitación para os dous próximos anos nun contrato por valor de 360.000 euros.

Está prevista a colocación de 345 motivos de alto valor estético repartidos en 84 espazos das sete parroquias.