Pechan a rúa Otero Pedrayo polo "risco inminente" de caída do muro do Albergue de Peregrinos

Pontevedra
28 de decembro 2017

A medida adoptábase polo goberno local arredor das 13.30 horas da tarde deste xoves e alertouse aos responsables do Xacobeo para que apuntalen o muro ante o perigo de desprendementos

Corte da rúa Otero Pedrayo polo perigo de caída do muro do Albergue de Peregrinos
Corte da rúa Otero Pedrayo polo perigo de caída do muro do Albergue de Peregrinos / PontevedraViva

Ás 13.30 horas da tarde deste xoves, a Policía Local por orde do goberno local de Pontevedra pechaba a rúa Otero Pedrayo ao tráfico debido ao perigo de caída dunha parte do muro de contención do Albergue de Peregrinos, situada nas proximidades á ponte na zona onde se atopa o asentamento chabolista. O equipo de enxeñería municipal revisou a "barriga" deste muro e os técnicos observaron que a evolución resultaba perigosa.

Desde o Concello de Pontevedra trasladouse xa a notificación ao Xacobeo, como responsable das instalacións do Albergue, para que adopte as medidas oportunas e apontoe o muro para evitar desprendementos sobre a beirarrúa e a calzada.

Polo momento, a zona atópase valada e os peóns teñen que circular polas proximidades do río  Gafos ante o "risco inminente" de caída. Só se permite o acceso con vehículos aos residentes na zona. A medida está a provocar retencións de tráfico na contorna da estación de trens.

Desde a Xunta de Galicia confirmouse ao Concello que o Albergue está pechado nestas datas, así que non se prevé a presenza de peregrinos nas instalacións.