Cun cartel na porta de acceso que informaba os clientes que entrasen sen chamar. Así seguía aberto ao público un ximnasio de Vilalonga que, ante as denuncias veciñais, foi pechado polas autoridades e o seu dono será denunciado por incumprir o estado de alarma.
O ximnasio, situado na zona de Xunca Branca, foi clausurado por axentes da Policía Local de Sanxenxo que, nas últimas horas, achegáronse ata as súas instalacións.
A actuación policial partiu dunha chamada telefónica na que un veciño alertaba de que moitas persoas entraban e saían do local con mochilas de deporte.
Ao chegar, os axentes comprobaron que na porta de acceso ao ximnasio había un cartel no que se indicaba que se accedese ao local sen timbrar.
Dentro, a Policía Local descubriu que as luces estaban acendidas e que no soto do local había unha persoa realizando exercicio con pesas.
O propietario do local atopábase nunha sala anexa realizando unha masaxe terapéutica.
Tras a orde do peche do ximnasio, a Policía Local realizou dúas propostas de sanción, unha para o propietario e outra para o usuario do ximnasio, por incumprir o decreto no que se declara o estado de alarma para limitar a propagación e o contaxio do coronavirus.
Con esta nova infracción, Sanxenxo suma sete sanciones por saltarse as normas de confinamento ditadas polo goberno de España decretadas polo COVID-19.