Peche en Restauración para reclamar unha entrevista co Conselleiro de Educación

Pontevedra
25 de setembro 2013

Alumnos e profesores da Escola de Restauración e Conservación reclaman con estas protestas que os reciba o conselleiro de Educación para que permita que o centro poida adscribirse á Universidade de Vigo e así a súa titulación terá validez de grao

Os alumnos e profesores da Escola de Restauración e Conservación de Pontevedra iniciaron un encerro no centro para reclamar un titulo universitario para os estudos que se desenvolven no centro, similares aos que existen noutras Comunidades Autónomas e con validez en toda Europa.

O claustro de profesores e a asemblea de alumnos decidiu manter estas protestas ata que o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reciba os representantes deste Consello Escolar e estude a proposta de adscrición á Universidade de Vigo.

Ao mesmo tempo, os alumnos e profesores comezarán a realizar concentracións públicas todos os días de 11 a 11:30 horas na Alameda de Pontevedra. E anuncian ademais que realizarán outro tipo de actividades sorpresa para reivindicar a súa titulación. A isto hai que sumar que, de non resolverse esta situación, denunciarán á Xunta ante a Xustiza.

Durante o encerro na Escola desenvólvense distintas actividades informativas e asembleas para decidir as liñas de actuación que van abordar no futuro.

Anuncian, ademais, que de non producirse un achegamento nas próximas horas por parte de Jesús Vázquez, o Consello Escolar do Centro dimitirá en bloque este luns 30 de setembro.