Peche sindical en Marín pola falta de negociación no convenio de elaboración de produtos do mar

Marín
14 de decembro 2017

Estes sindicalistas tomaron esta medida "ante a negativa da patronal do sector para negociar un novo convenio" xa que o anterior terminou a súa vixencia no ano 2015

Peche no concello de Marín
Peche no concello de Marín / Comisións Obreiras

Un grupo de delegados do sindicato Comisións Obreiras iniciaron este xoves un peche no salón de plenos do Concello de Marín para reivindicar a constitución da comisión negociadora do convenio de elaboración de produtos do mar.

Estes sindicalistas tomaron esta medida "ante a negativa da patronal do sector para negociar un novo convenio" xa que o anterior terminou a súa vixencia no ano 2015.

Esta protesta vén precedida doutras mobilizacións promovidas por Comisións Obreiras coincidindo coa celebración da feira Conxemar no IFEVI de Vigo e dunha concentración celebrada ante a sede social de Conxemar.

O secretario de organización de Comisións Obreiras, José Luis Garcia Pedrosa, criticou "a actitude contraria á negociación dunha patronal que explota sen ningún tipo de consideración ás traballadoras deste sector, a pesar de que as contas de resultados das empresas son francamente favorables".