Pedaladas denuncia o mal uso dos estacionamentos reservados para bicicletas, invadidos por motocicletas

Pontevedra
16 de agosto 2019

O colectivo lembra que a sinalización vertical aclara que son estacionamentos só para bicicletas e en moitos casos quedan inutilizables porque as motocicletas impiden o acceso ou saída da bicicleta 

Motocicletas estacionadas en zonas reservadas para bicicletas
Motocicletas estacionadas en zonas reservadas para bicicletas / Asociación Pedaladas

A asociación Pedaladas denunciou este venres o uso indebido das zonas de estacionamento para bicicletas de distintos puntos da cidade por parte de condutores de motocicletas. 

O colectivo solicita aos usuarios de motocicleta que deixen de utilizar os aros de estacionamento de bicicletas para estacionar as súas motocicletas de forma ilegal. Así, lembra que a sinalización vertical aclara que son estacionamentos só para bicicletas e en moitos casos quedan inutilizables porque as motocicletas impiden o acceso ou saída da bicicleta.

Á vista deste comportamento, e da sinalización, desde a asociación insisten en que só queda a posibilidade de denunciar ao infractor para que a motocicleta sexa retirada e lembran que ten un custo elevado, pois require a presencia do guindastre ou arriscarse  a danar a propia motocicleta ao intentar sacala.

Ademais, lembran que a cidade de Pontevedra conta cun gran número de espazos exclusivos de estacionamento de motocicleta e que os lugares de estacionamento xeral tamén permiten o estacionamento de motocicletas. En total, hai 1.600 prazas de uso xeral gratis e 4.000 de pago que poden ser utilizadas por motocicletas e automóbiles mentres que a cantidade de aros existente na cidade é de tan só 28 puntos na cidade cun total de 112 aros.

 

O colectivo advirte que se continúan este tipo de situacións se verán obrigados a denunciar.