Pediatras itinerantes cubrirán toda a área sanitaria durante as vacacións de verán

Pontevedra
22 de xuño 2018

O sistema supón desprazamentos diarios dos profesionais para prestar cobertura asistencial en diferentes concellos. Na área sanitaria hai un total de 40 pediatras que cobren a atención infantil dos 26 concellos. Só sete deses pediatras xa cobren a demanda de 15 concellos e de 17 puntos de asistencia 

Unha médico pediatra atendendo a unha nena
Unha médico pediatra atendendo a unha nena / Junta de Andalucía

O Servizo Galego de Saúde realizou unha planificación extraordinaria para garantir a atención pediátrica continuada de Atención Primaria durante o período vacacional. Será a través de pediatras itinerantes que cubrirán todo o territorio para que todos os centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estean atendidos a pesar de que os profesionais titulares estean de descanso

A administración sanitaria tivo que buscar esta fórmula dada a actual carencia de pediatras tanto en Galicia como no resto de España e fíxoo consensuadamente coas Sociedades Científicas de Pediatría de Galicia. 

O sistema supón desprazamentos diarios dos profesionais para prestar cobertura asistencial en diferentes concellos. Na área sanitaria hai un total de 40 pediatras que cobren a atención infantil dos 26 concellos. Só sete deses pediatras xa cobren a demanda de 15 concellos e de 17 puntos de asistencia.

En total, a área sanitaria planifica 13 centros de atención pediátrica continuada para as asistencias infantís de Atención Primaria durante o verán, que se desenvolverán en función da cobertura e a situación xeográfica da seguinte maneira: 

  • Lérez, Barro, Monteporreiro e Campo Lameiro
  • Forcarei e Cerdedo-Cotobade
  • Pontecaldelas e A Lama
  • A Parda
  • Virxe Peregrina e Poio
  • Marín
  • Bueu
  • Soutomaior e Vilaboa
  • Sanxenxo e Meaño
  • Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Catoira.
  • Cambados, Meis, A Illa de Arousa e Ribadumia
  • O Grove
  • Caldas de Reis, Portas, Cuntis e Moraña 

 

No caso de ter dificultade para desprazarse ás novas agrupacións, os pacientes sempre poden optar por recibir atención nos seus centros de saúde habituais polos seus médicos de familia que, na súa formación previa como médicos internos residentes, teñen un período de aprendizaxe específico nos servizos de Pediatría e contan con sólida formación en materia de puericultura e patoloxías infantís.