Pedras para espantar o mal de ollo

Pontevedra
06 de abril 2015

Centos de persoas achegáronse á romaría de San Cibrán na parroquia pontevedresa de Tomeza para celebrar esta festividade coas tradicionais nove voltas á capela guindando unha pedra ao tellado, remedio contra o meigallo

Romaría de San Cibrán 2015
Romaría de San Cibrán 2015 / Mónica Patxot

Chega o luns de Pascua e, como manda a tradición, numerosos fieis e amigos da diversión achéganse ata o alto de San Cibrán na parroquia pontevedresa de Tomeza. Alí celébrase a romaxe do santo que quita o mal de ollo.

Romper co 'meigallo' obriga a dar nove voltas arredor da ermida para, a continuación, lanzar, de costas, unha pedra de tamaño pequeno sobre o tellado. Ademais, moitos dos devotos asistiron con ramos para recibir a bendición relixiosa. Os rituais non rematan aí. Os visitantes tamén pasan ata tres veces por debaixo da imaxe do santo.

Como non pode ser doutro xeito, a romaxe conta cunha importante actividade gastronómica con postos de venda de polbo á feira, churrasco, empanada e viño, ademais de roscas e rosquillas.

Este culto relixioso remóntase ao século V. Tamén en Meis, no Salnés, celebrouse durante esta xornada a romaxe da Armenteira para honrar a Virxe das Cabezas.