Fisicamente "doído" e "bastante tocado psicoloxicamente". Así se atopa Fernando Fernández, propietario do local Los 3 Monos de Aguete que o pasado sábado sufriu unha brutal agresión no seu negocio na que resultaron gravemente feridos el e a súa nai e lesionados varios empregados.
Tres días despois dos feitos, decidiu contar o ocorrido, aínda moi impactado porque "nese momento, pensei que mataran á miña nai, vina no chan cun charco de sangue na cabeza".
A súa nai ten as dúas mans escaioladas por fracturas no pulso dunha e en varios dedos da outra. Ademais, ten unha brecha na cabeza pola que precisou varios puntos de sutura, unha contusión grave no coxis e unha costela rota. "Un cadro", relata gráficamente o seu fillo.
Tamén el sufriu lesións graves, con tres costelas rotas, moitos danos no nariz e contusións por todo o corpo, pero o que máis lle doe é o que sufriu a súa nai, que agora necesita axuda para calquera xesto da vida cotiá, danlle de comer e bebe por unha palliña.
Tras os feitos, foron detidos dous sospeitosos, aínda que tan só un deles foi o autor material da agresión. "O outro non formou parte da gresca", asegura.
Pasaron dúas noites nos calabozos e o Xulgado de Instrución número 1 de Marín acordou o luns deixalos en liberdade.

Aínda que houbo dous implicados, todas as testemuñas indican que tan só un deles cometeu a agresión directa. A este detido a xuíza impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse ás vítimas. "Non pode achegarse a máis de 500 metros de min, da miña nai e de Los 3 Monos", explica Fernando.
A medida non lle parece suficiente. "Obviamente, non me parece ben que estea en liberdade", afirma rotundamente, pois considera que o que ocorreu o sábado no seu local "foi un intento de homicidio". Explícase: "Cando unha persoa lle dá cunha botella de champaña na cabeza a unha señora de 71 anos tirada no chan gritando de dor, a súa única intención é matar".
Os feitos comezaron sobre o seis da tarde do sábado e fontes policiais confirmaron que os dous detidos por estes feitos xa protagonizaran outro incidente noutro local da zona de Loira.
En Aguete, estaban na terraza e Fernando, como adoita facer, estaba a traballar por esa zona e facendo relacións públicas cos clientes. Achegouse á súa mesa e, cando lles dixo que era o propietario, un convidouno a sentar para comentarlle unha idea dun evento que quería organizar.
Este home non foi o agresor, senón o acompañante, que tamén acabou detido porque, tras a agresión, cando chegou a Policía Nacional, enfrontouse aos axentes e resistiuse ao arresto.

Na terraza a Fernando pareceulle "moi interesante" a súa proposta e, cando decidiron xa profundar nos termos da mesma, convidoulles a ir ao salón, situado na outra planta do local "para estar máis tranquilos porque na terraza había moito bulicio". Alí estaba a súa nai, sentada nun sofá cargando o teléono móbil.
Tras dúas horas falando, pecharon todos os detalles do evento, pero o seu acompañante empezou a mostrarse cada vez máis agresivo. "Estaba bastante bébedo e non paraba de molestar. Non paraba de dicirlle que se comportase", relata.
Tras ir ao baño, chamoulle a atención de novo "porque estaba bébedo" e aí empezou todo. "Deulle unha patada a unha das mesas onde estabamos sentados. Levanteime para frealo para que deixase de romper mobiliario e empezou a agredirme", lembra.
A súa nai, ao velo todo, levantouse para pedir axuda e, cando viu que o outro home estaba sobre o seu fillo, "veu correndo e o que lle saíu foi tirarlle o teléfono móbil, pero non lle deu". Logo, tentou "separalo para que deixase de darme patadas".
O agresor, segundo relata Fernando, "tirouna ao chan e deulle na cabeza cunha botella de champaña". Logo tamén lle rompeu algo de cristal na cabeza e, cando a atenderon no hospital, retiráronlle restos de cristal da brecha na cabeza.
A escena era dantesca. "A miña nai estaba no chan, gritando e pedindo socorro e viñeron os empregados e tentaron frealo". O resultado é que polo menos dous resultaron feridos, unha con varias dentadas e outro cunha lesión grave nun dedo pola que terá que operarse.
Agora, tenta recuperarse porque "foi unha situación e uns momentos moi difíciles. E moi traumáticos", indignado pola liberdade do agresor, pois está convencido de que "non está apto para vivir en sociedade. Arremeteu contra min, contra a miña nai e contra todo o que se lle puxo diante". Lamenta, ademais, que traballa en seguridade privada.

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión

Danos en Los 3 Monos de Aguete pola agresión