"Peor que ter un cancro é telo e non saber que o temos"

Pontevedra
19 de outubro 2022

Dez barrios e parroquias de Pontevedra recibirán durante os meses de outubro e novembro a visita de integrantes da asociación Adicam dentro do seu programa 'Apálpate', co que buscan axudar na concienciación e prevención da enfermidade. Este venres 21 de outubro empezará cunha primeira parada no centro cultural de Monte Porreiro de 18.00 a 20.00 horas 

Tino Fernández, María Jesús Rodríguez e Vanesa Parada presentan a campaña 'Apálpate'
Tino Fernández, María Jesús Rodríguez e Vanesa Parada presentan a campaña 'Apálpate' / PontevedraViva

Dez barrios e parroquias de Pontevedra recibirán durante os meses de outubro e novembro a visita de integrantes da asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico Adicam dentro do seu programa 'Apálpate', co que buscan axudar na concienciación e prevención da enfermidade. 

Adicam e o concelleiro de Saúde e tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, aproveitaron este mércores a conmemoración do Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama para presentar este programa, que a asociación xa levou por pobos de toda Galicia e de Pontevedra, así como á prisión da Lama. 

Este venres 21 de outubro o programa empezará esta rolda de visitas por toda a cidade cunha primeira parada no centro cultural de Monte Porreiro de 18.00 a 20.00 horas e ata o 25 de novembro terán actividades en Ponte Sampaio (24 de outubro), O Burgo (26), Marcón (27), A Parda (28), Lourizán (31), Lérez (4 de novembro), Campañó (11), Ou Gorgullón (18) e San Roque (25).

María Jesús Rodríguez Ramallo, integrante da directiva de Adicam, compareceu acompañada por Vanesa Parada, psicóloga da entidade en Pontevedra, e explicou que este proxecto ten xa cinco anos, aínda que o interrompeu a pandemia da covid-19, e enmárcase no espírito desta asociación de "apostar pola prevención".

Agora, chegaron a unha colaboración co Concello de Pontevedra no marco do programa municipal A Vida é Movernos para levala a todo o municipio con sesións que queren fuxir do formato típico de conferencia e achegarse máis a actividades de pequeno formato que xeran máis interacción coas participantes e crear grupos de confianza, como unha charla entre amigas. Ademais, dálles igual se asisten unha, dous ou tres persoas, "cunha persoa, xa nos compensa" por esa importancia da prevención. 

Tino Fernández destaca que se trata dun programa que busca fomentar o autocuidado para favorecer a detección precoz deste cancro que é "un dos máis estendidos entre a poboación feminina" e María Jesús Rodríguez insiste na importancia da autoexploración, de saber facela e, sobre todo, de perder o medo para practicala.

Con Apálpate buscan "concienciar e axudar a perder o medo para saber que temos un cancro", pois cren que, moitas veces, "non é que a xente non teña tempo, ten medo" a saber que teñen esta enfermidade, sen darse conta de que "peor que ter un cancro é telo e non saber que o temos". 

Así, animan á xentea a explorarse, mirarse, tocarse e coñecer o seu corpo, pois, desta forma, "se coñecemos o noso corpo, o día que aparece algo raro, sabemos identificalo".

Este programa está orientado a mulleres de todas as idades, a partir dos 18 anos e sen límite de idade, pois calquera muller pode telo en calquera momento e é importante que, desde moi novos, aprendan a "escoitar os signos de alerta", pois o corpo adoita avisar, "pero non lle facemos caso". 

María Jesús Rodríguez destacou que "a vantaxe dos cancros de mama e de pel e é que ves que o tes", por iso é polo que chame a coñecer os síntomas e aprender a detectalos para aproveitar ese beneficio e ter un diagnóstico precoz. 

Para as mulleres que aínda menstruan, resulta importante realizar a autoexploración unha semana despois de ter a regra e para aquelas que non están en idade fértil, calquera día do mes é bo, sempre que adquira o hábito de facelo de forma regular.