Pepa Pardo en Vilagarcía defende un gran pacto de apoio á maternidade, á infancia e á conciliación

O Salnés
12 de xullo 2023

A candidata do Partido Popular ao Senado e Juan Andrés Bayón, candidato ao Congreso, mantiveron un acto sectorial con axentes sociais en Vilagarcía de Arousa, coa presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García. Indican que as familias configuran o epicentro do programa do partido de Alberto Núñez Feijóo 

Pepa Pardo e Juan Andrés Bayón, do PP, participaron neste acto sectorial en Vilagarcía
Pepa Pardo e Juan Andrés Bayón, do PP, participaron neste acto sectorial en Vilagarcía / Partido Popular

Pepa Pardo e Juan Andrés Bayón, candidatos do Partido Popular ao Senado e ao Congreso, mantiveron na tarde do luns un encontro sectorial con axentes sociais en Vilagarcía de Arousa. Ao acto tamén asistía Fabiola García, conselleira de Política Social da Xunta de Galicia.

Durante o encontro, os representantes populares sostiveron que o partido que lidera Alberto Núñez Feijóo sitúa ás familias no eixo do programa electoral e, ademais, propón un gran pacto de apoio á maternidade e paternidade, á infancia e á conciliación.

Pepa Pardo explicou que as familias constitúen o epicentro do programa do PP e a intención é dotar de ferramentas que faciliten a vida e o día a día das familias, tanto das nais como dos pais. Neste sentido, indicou que se trasladará a toda España o modelo da Xunta de gratuidade das escolas infantís para menores de cero a tres anos.

Tamén anunciou que o PP contempla no seu programa ampliar o permiso de maternidade e paternidade das familias monoparentais; facilitar medidas para potenciar que as empresas ofrezan maior flexibilidade horaria sen que afecte o salario nin ás horas traballadas; ademais de medidas para aliviar a economía dos fogares.