Pepa Pardo (PP) esixe unha rectificación a Yoya Blanco (PSOE) por comparala co ministerio de propaganda nazi

Pontevedra
08 de setembro 2023

A concelleira popular tamén demanda unha explicación por parte de Iván Puentes, portavoz municipal do PSOE

Iván Puentes e Yoya Blanco no pleno do Concello de Pontevedra
Iván Puentes e Yoya Blanco no pleno do Concello de Pontevedra / PontevedraViva

Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular de Pontevedra, esixiu este venres unha rectificación por parte da concelleira socialista Yoya Blanco, despois de que a representante do PSOE comparase as declaracións da popular coas accións do ministerio de propaganda nazi.

Pardo indica que esa frase é "inadmisible, intolerable e dunha gravidade e dunha frivolidade tremenda e define á persoa da que vén". 

Ademais, incide en que as fai como cargo político, como concelleira do grupo municipal socialista na súa condición de representante público.

Por este motivo, esixe tamén o portavoz socialista, Iván Puentes, que explique se avala esas declaracións ou se "esixirá como mínimo, a rectificación da concelleira que non se dignou a pedir desculpas".

As declaracións de Yoya Blanco manifestábanse en relación coa polémica sobre a localización da feira. A socialista acusaba os populares de utilizar fake news ao referirse á súa xestión sobre a situación deste mercado ambulante na Alameda.