Pepa Pardo presidirá o Comité organizador do XVII Congreso do PP de Galicia que se celebrará en Pontevedra

Pontevedra
31 de maio 2021

A Xunta Directiva do PP de Galicia manterá un encontro este martes para formalizar este acto que se desenvolverá na capital do Lérez o venres 16 e o sábado 17 de xullo. Este Congreso foi suspendido en 2020 e agora vai reactivarse para renovar ideas e equipos. Nesta cita está prevista a ratificación de Alberto Núñez Feijóo como presidente da formación política

A deputada e concelleira do PP, Pepa Pardo
A deputada e concelleira do PP, Pepa Pardo / Mónica Patxot

"Es todo un honor para mí y estoy enormemente agradecida a Núñez Feijóo y al PP de Galicia", con estas palabras na rede social Twitter, Pepa Pardo, portavoz do PP na Deputación de Pontevedra e concelleira no Concello de Pontevedra, manifestaba a súa alegría pola súa proposta pola formación política para que presida o Comité organizador do XVII Congreso do PP de Galicia, que está previsto que se celebre na cidade de Pontevedra o venres 16 e o sábado 17 de xullo.

Nun comunicado, os populares sinalan que esta cita foi suspendida en 2020 e se retoma para actualizar ideas e equipos da formación política. Neste acto está previsto que se ratifique que Alberto Núñez Feijóo continúe presidindo o partido.

Este martes 1 de xuño, a Xunta Directiva do PPdeG manterá unha xuntanza para formalizar esta convocatoria concretando os detalles. Nesa xuntanza vai aprobarse que a avogada pontevedresa sexa a encargada de presidir a Comisión Organizadora do Congreso, que estará formada por un grupo de mulleres novas pero con experiencia dentro do PP.