Pepe Solla, o "culpable" de que Rajoy por fin comera ben en Bruxelas

Pontevedra
15 de decembro 2016

"Al fin he podido comer bien en Bruselas". Esas palabras de Mariano Rajoy, dirixidas ao pontevedrés Pepe Solla -como el mesmo recoñeceu aos xornalistas-, resumen o éxito que colleitou o menú que este preparou para o xantar dos 28 líderes dos países que forman parte da Unión Europea, reunidos este xoves na capital belga

Rajoy e Pepe Solla, xunto o primeiro ministro portugués Antonio Costa e o chef José Avillez
Rajoy e Pepe Solla, xunto o primeiro ministro portugués Antonio Costa e o chef José Avillez / Presidencia do Goberno

"Al fin he podido comer bien en Bruselas". Esas palabras de Mariano Rajoy, dirixidas ao pontevedrés Pepe Solla -como el mesmo recoñeceu aos xornalistas-, resumen o éxito que colleitou o menú que este preparou para o xantar dos 28 líderes dos países que forman parte da Unión Europea, reunidos este xoves na capital belga.

Así, por un día os seus comensais foron, ademais do presidente español, a chanceler alemá Angela Merkel, o presidente francés François Hollande, a primeira ministra británica Theresa May ou o flamante novo primeiro ministro italiano, Paolo Gentiloni.

Para todos eles, Pepe Solla preparou pescada con puré de tubérculos, ensaladas e allada. Foi o prato principal que se serviu nun xantar ibérico co que as autoridades europeas querían conmemorar os 30 anos que se cumpren da adhesión de España e Portugal á UE.

Foi, segundo explicou aos xornalistas en Bruxelas, dun menú simple, deseñado para un xantar de traballo. "Eu elixín como galego un prato que representa moito a Galicia, desde unha óptica máis moderna, mantendo a idea da pescada á galega", afirmou Solla.

Cociñar para os principais líderes europeos non asustou a un Pepe Solla que recoñeceu que "é moi bonito cociñar para todos eles". Foi un reto que "me facía ilusión" e que afrontaba coa "responsabilidade" de ser o anfitrión da cociña española.

Xunto ao cociñeiro pontevedrés, tamén participou o chef portugués José Avillez, que preparou o entrante, unha crema de castañas con perdiz en escabeche, e a sobremesa, un pastel de nata en milfollas con xeado de canela.

Para regar a comida, serviuse un branco (Albariño Rías Baixas, Leirana Genoveva 2014), un tinto (Rioja Tondonia 2004) e un viño doce (Porto).

Ambos supervisaron ata o máis mínimo detalle dos seus pratos aínda que, por motivos de seguridade, foi o persoal fixo da cociña do Consello Europeo o que comprou os alimentos e os guisou. Ademais, o menú tivo que pasar "certos filtros de protocolo", como que non tivese cascas ou cunchas e fóra fácil para comer. 

Ao remate do almorzo, Mariano Rajoy usaba a súa conta de Twitter para felicitar a Pepe Solla polo xantar servido en Bruxelas.