Peregrinaxe para "rachar coa indiferenza" cara á violencia de xénero

Pontevedra
15 de novembro 2021

O alcalde de Pontevedra e representantes dos concellos de Soutomaior, Poio e Vilaboa acudiran durante a pasada fin de semana á andaina reivindicativa contra a violencia de xénero organizada pola GDR Pontevedra Morrazo dentro da campaña 'Rachemos coa Indiferenza' e baixo o lema común 'O Rural contra a violencia de xénero'

Andaina contra a violencia de xénero entre Bértola e Mourente
Andaina contra a violencia de xénero entre Bértola e Mourente / GDR Pontevedra-Morrazo

O alcalde de Pontevedra e presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores, e representantes dos concellos de Soutomaior, Poio e Vilaboa acudiron durante a pasada fin de semana á andaina reivindicativa contra a violencia de xénero organizada polo GDR Pontevedra Morrazo, do que forman parte os concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa.

A andaina formou parte da campaña 'Rachemos coa Indiferenza' e baixo o lema común de todos os GDR de Galicia 'O Rural contra a violencia de xénero', que "pretende concienciar e sensibilizar á poboación en materia de prevención da violencia sobre as mulleres".

As andainas dos 24 GDR de Galicia percorreron de xeito simultáneo diferentes tramos dos camiños de Santiago co obxectivo de implicar ás persoas do rural para que camiñasen desde 24 puntos distintos de Galicia co obxectivo de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade. 

A andaina pontevedresa percorreu un tramo de pouco máis de 6 quilómetros do Camiño de Santiago Portugués, dende a Capela de Santa Marta de Bértola (Vilaboa)  ata a sede do GDR Pontevedra-Morrazo en Mourente.

En Mourente deuse lectura dun manifesto no que se lembrou que a loita contra a violencia de xénero "é un traballo en equipo, de toda a sociedade, e Galicia xa ten unha postura ao respecto que o rural fai propia e reforza".

"O rural, hoxe e sempre, di non á violencia de xénero", sinalou o manifesto, que tamén sinalou que é de xustiza lembrar a todas e cada unha das mulleres vítimas da violencia de xénero e ás mulleres rurais que sufriron ou están a sufrir a violencia machista, que supón un atentado contra os dereitos humanos máis básicos e elementais.