Pérez Ares, xefe territorial de Educación, revisa o protocolo anticovid no CEIP de Tenorio

Cerdedo Cotobade
25 de agosto 2020

Analizou a posta en marcha tamén do comedor no que ademais dos estudantes do colexio tamén almorza o alumnado do IES de Tenorio. No colexio habilitouse unha porta de entrada e outra de saída, entre outras medidas

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación, visita o CEIP de Tenorio (arquivo)
César Pérez Ares, xefe territorial de Educación, visita o CEIP de Tenorio (arquivo) / Consellería de Educación

César Pérez Ares, xefe territorial de Educación en Pontevedra, visitaba este martes as instalacións do CEIP de Tenorio, situado no municipio de Cerdedo-Cotobade, para comprobar como se vai a aplicar o protocolo anticovid cando se inicien as clases.

O centro xa conta cunha persoa responsable que se encargará de conectar co Punto de Atención Continuada no caso de que se detecten síntomas dalgún caso. Ademais, segundo a Consellería de Educación, foron redistribuídos espazos e as medidas que se adoptarán en relación á limpeza, uso de espazos e protocolo de actuación ante unha incidencia.

Atópanse instalados xa  dispensadores de papel e de material de limpeza, hidroalcohol e as entradas e as saídas realízanse por portas diferentes. Neste sentido, estableceuse unha adaptación de beirarrúas na contorna da antiga saída de emerxencia para poder adaptarse a esta medida.

Tamén se preparou unha aula para que os menores realicen exercicios de relaxación e antiestrés. Ademais retiráronse xoguetes e materiais comúns e adaptáronse as aulas ás distancias marcadas polo protocolo.

O centro conta cun comedor que, segundo César Pérez Ares, está preparado para un total de 219 alumnos porque ademais de Infantil e Primaria tamén ofrece servizo aos estudantes do IES de Tenorio, situado nunha zona próxima.