Perfecto Rodríguez asegura que A Reigosa segue sen saneamento por "deixamento" do Concello

Ponte Caldelas
18 de outubro 2015

Perfecto Rodríguez lembra que as obras finalizaron xa na primavera e foron entregadas pola Xunta de Galicia ao Concello a principios de xuño, despois dun investimento total de máis de 750.000 euros para instalar a rede de colectores e construír a depuradora

EDAR da Reigosa
EDAR da Reigosa / Concello de Ponte Caldelas

O Partido Popular entende que hai "deixamento" no goberno municipal de Ponte Caldelas por non poñer ata agora en funcionamento o servizo de saneamento no núcleo da Reigosa. Perfecto Rodríguez lembra que as obras finalizaron xa na primavera e foron entregadas pola Xunta de Galicia ao Concello a principios de xuño, despois dun investimento total de máis de 750.000 euros para instalar a rede de colectores e construír a depuradora.

Para poder activar este servizo, segundo o PP, só é necesario que os operarios municipais supervisen as instalacións e coordinen as conexións que deben facer os propietarios das vivendas que soliciten as acometidas. Así mesmo estaba previsto que mediante o servizo municipal de obras se realizasen as conexións a dúas ou tres vivendas que faltan, unha vez que solicitasen a conexión. 

"Cónstame que hai veciños que teñen problemas cos seus pozos negros e fosas sépticas, polo que non entendo como estas instalacións estiveron en desuso durante todo este verán, cando podían estar xa dando servizo aos veciños", asegura Perfecto Rodríguez.

Ademais o ex alcalde explicou que a EDAR da Reigosa non necesita aporte de auga para o seu funcionamento, ao tratarse dunha depuradora de filtros biolóxicos con humidais. A acometida de auga que se fixo é só para que o operario que leve o mantemento teña unha billa onde lavar as mans ou as ferramentas que teña que utilizar, algo obrigatorio pola propia normativa laboral de seguridade e saúde.

Toda esta situación, apunta Rodríguez, foi detallada no informe do traspaso de poderes que lle deixou ao novo alcalde, e asegura que os membros do grupo de goberno "prefiren fotografarse en festas e outros eventos  antes que xestionar os servizos municipais como a rede de sumidoiros que neste caso poderían ter xa os veciños da Reigosa desde o pasado verán".