Persoal civil de Defensa mobilízase na Escola Naval en demanda de salarios dignos

Marín
16 de xullo 2025
Actualizado: 17:14

Din ser os empregados públicos "que reciben os salarios máis baixos en relación ao persoal doutros Ministerios da Administración Xeral do Estado", segundo denunciaron.

Concentración do persoal civil do Ministerio de Defensa CIG

Persoal civil no Ministerio de Defensa desenvolveu este mércores unha concentración de protesta diante da Escola Naval de Marín para reclamar melloras salariais.

A mobilización foi convocada por varios sindicatos sendo a cuarta que ten lugar en Galicia nos últimos dous meses para reclamar melloras retributivas para uns empregados públicos "que reciben os salarios máis baixos en relación ao persoal doutros Ministerios da Administración Xeral do Estado", segundo denunciaron.

Os representantes dos traballadores puxeron de manifesto a "preocupante situación de precariedade retributiva á que se somete sistematicamente a este colectivo", composto por traballadores laborais, funcionarios e estatutarios.

O detonante deste conflito laboral foi a aprobación o pasado 22 de abril de 2025 do Plan Industrial e Tecnolóxico para a Seguridade e a Defensa de España e de Euroра, do cal o persoal civil quedou excluído das melloras salariais e partidas económicas destinadas a iso.

Ademais, lembran que fai máis de dez anos que non se negocia a instrución de produtividade, resaltando que é o único Ministerio onde o persoal laboral non a ten recoñecida, "o que perpetúa esta situación de inxustiza".

Así foi recoñecido polas declaracións da ministra de Defensa, Margarita Robles, na reunión do pasado 23 de xuño en Madrid coas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación.

Nese encontro, a responsable política reclamou "paciencia" e un período de tempo "prudente" para que o seu Departamento elaborase unha proposta de aumento retributivo para o persoal civil, que afirma comezou a estudarse a finais do mes de maio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora