Persoal de cociña do Hospital do Salnés continúa á espera de cobrar tres meses de salario

O Salnés
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

As persoas afectadas realizaban unha concentración de protesta este martes diante do centro hospitalario. O sindicato CIG vai reclamar ao Sergas a retención do depósito de garantía e das últimas mensualidades de Arcasa, a anterior concesionaria do servizo

Persoal de cafetería e cociña do Hospital do Salnés reclama tres salarios pendentes
Persoal de cafetería e cociña do Hospital do Salnés reclama tres salarios pendentes / CIG-Saúde

Este martes 19 o persoal que traballa nos servizos de cociña e de cafetería do Hospital comarcal do Salnés concentrábase para demandar o pago dos salarios que se lles deben.

A maioría destes traballadores, segundo indica CIG-Salnés, seguen sen cobrar as nóminas de decembro, xaneiro e febreiro. 

A anterior empresa concesionaria, segundo a central nacionalista, incorría en incumprimentos en materia laboral. Tras rescindir o contrato do servizo co Sergas as débedas mantéñense pendentes.

Representantes da CIG reclamaron ao Servizo Galego de Saúde a retención da garantía económica e das últimas mensualidades á empresa para que o persoal cobrase. 

Con todo, boa parte do grupo de traballadores mantéñense sen cobrar os soldos pendentes "a pesar de que supostamente o Sergas levou a cabo esa retención".

O Sergas convocou un concurso de urxencia para cubrir a concesión. O concurso quedou deserto porque, segundo o sindicato, a oferta económica era insuficiente.

#Ante esta situación, desde a administración autonómica realizouse un contrato de urxencia coa empresa Aramark o 19 de febreiro mentres se elabora un novo prego de condicións para o concurso. Das tres empresas que se presentaron resultou adxudicataria a mesma Aramark, que se encarga do servizo de cafetería e cociña do centro hospitalario.

A pesar de estar resolta a concesión, o Sergas continúa sen pagar as nóminas dos últimos meses ao persoal, segundo CIG-Saúde.

Se non se produce ese pago continuará o calendario de protestas. A próxima está prevista para o venres 22 diante tamén do Hospital do Salnés.