Persoal do centro de maiores de Campolongo recollerá sinaturas ante a situación de precariedade do servizo

Pontevedra
24 de maio 2018

Actualmente hai 99 residentes neste centro e 76 traballadores atenden a estas persoas que, en moitos casos, son grandes dependentes. Denuncian que as instalacións non se adecúan e que son necesarios 14 empregados máis para ofrecer unha mellor atención

Representantes do Comité de empresa do Centro de Maiores de Campolongo
Representantes do Comité de empresa do Centro de Maiores de Campolongo / Paula Sanmartín

Os representantes do persoal que traballa no centro de maiores de Campolongo decidiron realizar unha denuncia social sobre a situación que leva producindo desde hai anos nesta residencia para persoas maiores sen que desde a Consellería de Política Social se adopten solucións.

Por este motivo sairán á rúa para recoller sinaturas a partir deste venres 25, desde as 10.30 ata as 13.30 horas, na praza da Peregrina. Ao longo de varios días tentarán reunir o máximo número de apoios posible para presentarllas ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Actualmente neste centro traballan 76 empregados para atender a 99 residentes que, nalgúns casos, presentan unha gran dependencia. Desde o comité de empresa entenden que serían necesarios outros 14 traballadores máis para poder cubrir en boas condicións as demandas de atención que requiren os usuarios.

Montse Rodríguez denunciaba que os dous ascensores e o montacargas son pequenos e son utilizados tanto para o traslado da comida como para retirar o lixo ou transportar aos falecidos. Sinalan que carecen de toma de osíxeno e de respiración e que os aspiradores portátiles dos que dispoñen non son potentes para o servizo que se precisa. Reclaman a modificación integral da terceira e cuarta planta porque son inadecuadas para as persoas ás que acollen. Ademais piden un espazo para enfermería e salas de estar.

Ademais dos problemas da instalación, denuncian a actual precariedade laboral que cualifican de "insostenible", segundo expuxo Alberto Fanepe, con persoal que tenta paliar as carencias do servizo derivadas da mala xestión por parte da Xunta de Galicia. Sinalan que os traballadores ven obrigados a dobrar quendas e a perder días de libranza debido a esas insuficiencias.

Sinalan que ata agora falaron con diferentes administracións e o tema se levou ao Parlamento de Galicia sen que desde a administración autonómica se actúe para resolver as carencias deste centro, indicaba Uxío Zabala. Tamén presentaron denuncias ante a Fiscalía e a Valedora do Pobo.

Agora esperan que a campaña que iniciarán na rúa provoque unha reacción na consellería e se dedique un investimento adecuado ás necesidades das instalacións e persoal deste Centro, único público na cidade de Pontevedra.