Persoal municipal e das contratas formaranse no manexo de composteiros

Pontevedra
31 de outubro 2016

Pontevedra adhírese de xeito formal ao Plan Revitaliza da Deputación

Composteiros de Monte Porreiro
Composteiros de Monte Porreiro / PontevedraViva

A Xunta de Goberno local deu luz verde a adhesión formal do Concello de Pontevedra ao Plan Composta Revitaliza da Deputación Provincial no que xa se está a traballar, pois a posta en marcha dun sistema alternativo de recollida e tratamento de lixo é un dos eixos de goberno para o mandato actual.

A instalación dos primeiros composteiros comunitarios no barrio de Monte Porreiro ao abeiro da colaboración coa Deputación é unha primeira actuación consolidada e agora darase un paso cara adiante coa formación, a través de cursos especiais e específicos, en manexo e coidado de composteiros comunitarios.

A concelleira Anabel Gulías, en calidade de portavoz do goberno local, explicou que en breve comezarán estes cursos de formación dirixidos a persoal do Concello e a traballadores das contratas municipais.

Os cursos terán carácter práctico polo que, cada un deles, terá dez-doce alumnos- impartiranse no lugar de Cabaleiro, na parroquia de Campañó onde está previsto instalar un composteiro comunitario ao abeiro do Plan Revitaliza, como os primeiros de Monte Porreiro.

O Concello de Pontevedra ten no horizonte próximo a instalación de composteiros comunitarios en todo o barrio de Monte Porreiro, onde comezou a recollida e tratamento alternativo de lixo de xeito experimental, e no barrio de Campolongo, unha demanda da propia veciñanza.

Está en marcha o proceso administrativo para a adquisición dos composteiros precisos. A estimación feita é de 204 módulos repartidos en 33 puntos en Monte Porreiro e 105 módulos en Campolongo.