A partir deste mércores citarase a aquelas persoas que recibiron a dose única de Janssen na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés para que se lles administre unha dose de reforzo coa vacina Pfizer, segundo explicaba o coordinador de vacinación da área e director de Enfermería, Juan Vázquez Vilar.
A partir deste xoves 25 de novembro iniciarase este proceso de vacinación para este colectivo, ao mesmo tempo que se continúa administrando a terceira dose de Pfizer a persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos. Os lugares de inoculación serán o edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, para a comarca de Pontevedra, e as instalacións da Comandancia da Mariña, en Vilagarcía de Arousa.
Segundo informa Vázquez Vilar, producirase un incremento importante de persoas citadas ata o 30 de novembro. Calcúlase que se citarán, a diario, a 1.500 cidadáns máis no distrito de Pontevedra e a 900 no Salnés.
Polo momento, segundo indica o coordinador de vacinación da área,a Dirección Xeral de Saúde Pública non informou sobre a aplicación da dose de reforzo para o persoal sanitario nin para persoas menores de 70 anos, tampouco sobre outros colectivos vulnerables.
A vacina de Janssen fronte á covid-19 foi a cuarta en chegar a España unha vez autorizada pola Comisión Europea o 11 de marzo de 2021. Segundo a información do Goberno central, tratábase dunha vacina de vector vírico dunha soa dose, que introducía dentro dun virus inofensivo diferente ao coronavirus a información xenética necesaria para que o corpo humano emita anticorpos/resposta inmune fronte á proteína S do SARS- CoV-2, de forma similar a como actúa a vacina de AstraZeneca. A Comisión de saúde pública decidiu administrar esta dose de reforzo tras detectarse a aparición de gromos de contaxios en internos de prisións, colectivo que recibira esta vacina