Pétalos na tradicional procesión do Cristo da Consolación en Lérez

Pontevedra
18 de xuño 2023

No evento relixioso participaron numerosas persoas da parroquia. Este ano, a procesión saía dunha vivenda próxima ao centro de saúde onde se elaboraba unha alfombra floral para despois desenvolver o percorrido ata o Mosteiro de Lérez

Procesión do Cristo da Consolación en Lérez / PontevedraViva

Numerosas persoas da parroquia de Lérez participaban a última hora da tarde deste sábado da celebración relixiosa do Cristo da Consolación. 

Nesta ocasión, o acto iniciábase coa elaboración da alfombra floral na entrada dunha vivenda da parroquia situada nas proximidades ao Centro de Saúde, onde se atopaba o antigo bar 'O 6 de agosto'. A familia desta vivenda foi a encargada de realizar o ofrecemento nesta cita litúrxica.

Diante do inmoble se instalaba o altar e o párroco oficiaba a misa ao aire libre.

A continuación, arredor das 21.00 horas, as persoas devotas realizaron, portando candeas, o percorrido acompañando a imaxe ata o Mosteiro de Lérez á que se lanzaban pétalos de flores dentro da tradición veciñal. 

Este evento está organizado pola Confraría do Santísimo Cristo del Consuelo de Lérez, que preside o concelleiro Martín Martínez.