As tensións entre os sindicatos integrantes da xunta de persoal do Complexo Hospitalario de Pontevedra seguen a deixar novos episodios nunha trama de enfrontamentos públicos. O último foi protagonizado pola formación TSP, que a través de Cándido Sartier e Elisa Bouzas, presentou unha denuncia por un delito contra a honra contra Carolina Iñarrea e o seu sindicato Prosagal.
Reclaman unha indemnización de 9.000 euros e que pida perdón publicamente polas declaracións que a máxima representante de Prosagal realizou cando foi destituida como presidenta da xunta de persoal en abril de 2017.
Carolina Iñarrea cualificara como "atentado", "golpe de estado sindical" e "asalto" a moción de censura presentada contra ela e a secretaria María Ferrero. Esas declaracións provocaron un profundo malestar entre as outras organizacións sindicais que forman parte da xunta de persoal. E naquel entón, Cándido Sartier xa manifestara a súa intención de presentar unha denuncia por socavar a honra contra a ex presidenta do organismo de representación dos traballadores dos centros sanitarios de Pontevedra.
Precisamente, Sartier está previsto que ocupe a presidencia, agora rotatoria, da xunta de persoal nestas datas en sustitución de Carmen Revenga, segundo fontes sindicais. No acto de conciliación que os representantes de TSP e Prosagal mantiveron este venres nos xulgados da Parda non se acadou acordo algún e o proceso continúa.
Carolina Iñarrea publicou en redes sociais un vídeo denunciando esta situación e afirmando que esta denuncia só persegue "censurarnos para que deixemos de realizar o noso traballo: representar a todos os traballadores do CHOP, sendo coherentes en non liberarnos sindicalmente e facendo público todo o esperpéntico que se vive nas xuntas de persoal e o que sucede no CHOP".
A representante de Prosagal invita o sindicato que presentou a denuncia a investir o diñeiro dos afiliados en demandar o Sergas pola mala xestión que realiza da sanidade pública. Lamenta ademais que se estea a producir esta situación: "ni que fuera esto la Pantoja", alega Iñarrea.
MIRA O VÍDEO: