A plataforma para a defensa de Marín e o seu porto pediu a alcaldesa marinense, María Ramallo, a celebración dun pleno monográfico para que a Corporación municipal manifeste a súa postura sobre a continuidade da actividade portuaria.
A petición formulárona por rexistro e persegue que a Corporación manifeste por unanimidade a súa defensa dos intereses do porto, dos recheos, das empresas asentadas nel, dos transportes terrestres e dos postos de traballo.
A plataforma reuniuse este venres co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa. O encontro desenvolveuse nun ambiente "aberto e distendido" e o voceiro do colectivo, Antonio Solla Aquino, asegura que coinciden con eles "totalmente" en que significa o porto a nivel socioeconómico para a comarca do Morrazo, a súa área de influencia e o seu desenvolvemento loxístico.
O colectivo considera que a día de hoxe o Porto de Marín se pode permitir dobrar a súa actividade, pois "dentro del temos capacidade abondo para o desenvolvemento de novas empresas" e iso permitiría a creación de máis postos de traballo. Como proba desa situación aseguran que empresas nacionais e internacionais están a apostar pola rada de calados e a actividade portuaria.
Dende a plataforma opinan que "hai motivos ocultos" detrás dos ataques ao Porto de Marín que teñen "un só obxectivo". Dende o seu punto de vista, perseguen "tratar de desmantelar a actividade que ao día de hoxe se está a desenvolver no noso porto".