Piden cinco anos por tentar coar en bares de Cambados nove billetes falsos de 50 euros

O Salnés
25 de febreiro 2016

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado, con antecedentes penais non computables, en agosto do ano 2012, e tras adquirir "de modo voluntario e coñecedor do seu carácter ilícito" nove billetes de 50 euros falsos, trasladouse de Vilagarcía de Arousa a Cambados co fin de poñelos en circulación

Billetes falsos
Billetes falsos

A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 1 de marzo un caso de falsificación de moeda. No banco senta un home acusado de tratar de poñer en circulación en Cambados nove billetes de 50 euros falsos.

A fiscal pide cinco anos de prisión e multa de 900 euros.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado, con antecedentes penais non computables, en agosto do ano 2012, e tras adquirir "de modo voluntario e coñecedor do seu carácter ilícito" nove billetes de 50 euros falsos, trasladouse de Vilagarcía de Arousa a Cambados coa fin de poñelos en circulación.

Para iso, acudiu a catro establecementos da localidade (bar Soho, bar Pirata, bar Eclipse e bar Lagar) onde para pago das cervexas ou cocacolas que pedía ou o cambio para tabaco efectuaba a entrega dos billetes falsos, obtendo a cambio moeda de curso legal. Así conseguiu introducir tres billetes de cincuenta euros.

O propietario do bar "O Lagar" decatouse que pretendía facer o pago do consumido cun billete falso, polo que chamou á Garda Civil, quen logrou localizalo pola Avenida de Madrid. O imputado ao darse conta da presenza policial tirou ao chan un paquete de tabaco que contiña no seu interior seis billetes falsos de 50 euros, todos eles co mesmo número de serie.

Os nove billetes foron recuperados polos axentes da Garda Civil. O importe da moeda falsa ascende a 450 euros.