Piden licenza para construír un novo edificio nas parcelas de Tafisa

Pontevedra
05 de xullo 2019

A empresa promotora que xa se atopa construíndo dous edificios na zona pide agora permiso para levantar unha nova construción para 166 vivendas

Parcela de Tafisa onde se proxecta un novo edificio de 166 vivendas
Parcela de Tafisa onde se proxecta un novo edificio de 166 vivendas / Mónica Patxot

A Unidade de Actuación 7, ou o que é o mesmo os terreos que ocupaba a fábrica de Tafisa en Pontevedra, recibiu un novo impulso este venres coa solicitude para construír un dos edificios proxectados na zona.

Así o explicou o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, tras presidir a comisión municipal da área.

En concreto, a promotora que se atopa actualmente construíndo na zona dous edificios con 92 vivendas e 189 prazas de garaxe tramitou a solicitude para levantar unha nova construción.

Este edificio, situado na parcela contigua á que se atopa en proceso construtivo, contará con baixo, seis plantas e baixo cuberta con 166 vivendas, segundo sinalou o edil.

Desta forma, cunha terceira parcela de diferente propiedade en proceso de estudo, quedaría cuberta a maior parte da edificabilidade desta zona pegada ao río Lérez.

"O que se aprecia é que hai movemento na construción, empeza a repuntar", valorou Xaquín Moreda, para quen esta unidade de actuación en Tafisa reflicte un "espello" do sector, ao pararse durante anos debido á crise e ver como agora empeza a reactivarse.