Piden que se prohíba fumar nas illas de Ons, Cíes e Cortegada para evitar incendios

Bueu
24 de agosto 2022

A asociación Nofumadores.org presentou máis de 77.000 firmas para pedir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que prohiba fumar en todos os parques nacionais de España. De aprobarse esta medida, afectaría ás Illas Atlánticas galegas

Illa de Ons
Illa de Ons / COAG

A asociación Nofumadores.org presentou máis de 77.000 firmas para pedir ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que prohiba fumar en todos os parques nacionais de España.

De aprobarse esta medida, afectaría ás Illas Atlánticas galegas, polo que non se permitiría acender cigarros en todo o ámbito das illas Cíes, Ons e Cortegada.

Este colectivo entende que "non ten sentido que en zonas nas que está prohibido facer grellada poidas fumar un cigarro", segundo a súa presidenta Raquel Fernández Megina, que lamenta o "estraño silencio" sobre os incendios provocados por cabichas mal apagadas.

A través da campaña Parques Nacionales de España ¡sin humo de tabaco y sin colillas!, Nofumadores.org lembra que un 3,5% dos incendios rexistrados na última década foron ocasionados por cigarros lanzados ao chan.

Isto supuxo, segundo esta asociación, a perda de máis de 20.000 hectáreas de monte.

A entidade apunta que se adoita falar doutras causas dos incendios, como restrollos sen xestionar, maquinaria utilizada fóra de horas e pirómanos, pero apenas se menciona que as cabichas están detrás de case 5.000 hectáreas de bosque queimadas no que vai de 2022.

Lembran que unha das peores catástrofes foi a do incendio de Cebreros (Ávila) en xullo deste ano e que foi causada por unha cabicha, pero aseguran que este non é un caso illado e entre as imprudencias de fumadores sitúan outros dous lumes na Lama e Vigo.

"Trátase de neglixencias perfectamente evitables se se usa a cabeza e prohíbese e castiga acender un cigarro en todos os parques nacionais e bosques de España", insisten.

A asociación sostén que é "inconcibible" que, nun contexto de cambio climático que agudiza a posibilidade de incendios, "non atallemos de raíz este factor porque lle veña mal á industria tabaqueira ou as autoridades teman a reacción dos adictos á nicotina".