Piden tablets e ordenadores de segunda man en Ponte Caldelas para dotar a escolares de material para as clases online

Ponte Caldelas
29 de abril 2020

O Concello de Ponte Caldelas recollerá material informático sen uso nas vivendas para poñelo a punto e poida ser empregado por escolares que carecen destas ferramentas para seguir as clases telemáticas durante este período de estado de alarma

Ordenador e tablet
Ordenador e tablet / The IET

Se tes un equipo informático ou unha tablet que non utilices porque falla ou porque se quedou desactualizada, o Concello de Ponte Caldelas recóllea para darlle unha segunda vida. Esta iniciativa forma  pate da campaña desenvolvida desde o goberno local para tentar que todos os escolares que carecen destes recursos poidan seguir as clases telemáticas que se imparten durante o estado de alarma.

A administración local recollerá estes aparellos informáticos nos domicilios, para despois actualizalos e arranxalos, se é preciso, para que despois os menores poidan seguir as tarefas que lles envía o profesorado durante o confinamento.

"Son momentos de ser solidarios", afirma o alcalde de Ponte Caldelas e por iso fai un chamamento a aquelas persoas que teñan ordenadores ou  tablets  desactualizados na vivenda para que doe estes materiais que se poden converter en ferramentas fundamentais para os pequenos estudantes.

Tanto as persoas que queiran realizar estas doazóns de aparellos informáticos como as familias que poidan necesitalos, deben poñerse en contacto co Concello de Ponte Caldelas no teléfono 986.750.013 e poñerse en contacto con Leticia Rocha na extensión 2 para realizar a súa solicitude.