Pídenlle a Augas de Galicia que retire as árbores caídas no río Verdugo

Ponte Caldelas
28 de abril 2017

O leito e as beiras do río Verdugo teñen media ducia de árbores caídas, unha delas apoiada perigosamente na ponte da PO-532

Árbores caídas no río Verdugo
Árbores caídas no río Verdugo / Concello de Ponte Caldelas

A Xunta de Goberno do Concello de Ponte Caldelas acordou este venres dirixirse ao organismo autónomo Augas de Galicia, adscrito á Consellería de Medio Ambiente, para reclamarlle oficialmente a retirada de media ducia de troncos de árbores caídos dende principios do pasado mes de febreiro no tramo urbano do río Verdugo, un deles mesmo apoiado directamente sobre a ponte da PO-532.

A reclamación prodúcese despois de que se teña reclamado esta actuación de xeito verbal en numerosas ocasións, sen resultados.

O acordo adoptado polo goberno local, integrado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, recalca que estas árbores caídas xeran riscos potenciais e poden ser obxecto de arrastres que, con frecuencia, axudan a bloquear os ollos da ponte, favorecendo así os desbordamentos cando chegan fortes precipitacións.

Destácase que, ao tratarse dunha competencia da administración hidráulica de Galicia, o Concello xa comunicou varias veces a necesidade da retirada destes restos vexetais, ou, no seu defecto, que se lle autorice expresamente.

O alcalde lamenta a "lentitude burocrática" na resposta ás peticións municipais xa que, case tres meses despois, continúan sen solución pola "ineficacia" da administración hidráulica galega.