Pilar Rojo pedirá explicacións no Senado pola parálise das obras da rotonda oeste da N-541

Cerdedo Cotobade
22 de outubro 2020

A senadora popular quere que o Ministerio aclare que previsión ten para o seu remate e denuncia que a construción leva parada desde decembro de 2018, a pesar de que xa hai autorización para cambiar o tendido eléctrico

Pilar Rojo, senadora do PP Partido Popular

A senadora do Partido Popular de Pontevedra, Pilar Rojo, pedirá explicacións ao Goberno central pola parálise das obras de construción da rotonda oeste da N-541 en Cerdedo-Cotobade.

Por iso, acaba de rexistrar unha pregunta escrita na cámara alta na que, ademais de explicar cales son as razóns desta situación e de que a obra non avance, quere que o Ministerio de Fomento aclare tamén si hai algunha previsión para o seu remate.

Rojo recorda que a construción da rotonda oeste da N-541 leva paralizada desde decembro de 2018, pola aparición da afección dunha liña eléctrica que xa conta co permiso para a súa reubicación.

"Pese a que xa se pode cambiar o tendido eléctrico, non se produciu ningún cambio nos últimos meses", sinala a senadora, que lamenta que sexa "unha evidencia do profundo desinterese que ten o Ministerio por esta infraestrutura".

A obra adxudicouse en outubro de 2015, polo que xa transcorreron cinco anos desde o inicio das obras. "Esta actuación tivo un ritmo de traballo bastante irregular desde o principio, froito dos problemas que foron xurdindo pero que na súa maioría se foron resolvendo ata o de agora, e xa hai preto de dous anos que leva parada".

Por iso, quere que o Ministerio aclare estes motivos, e por que a pesar de contar con autorizacións non se avanza na execución dunha infraestrutura moi importante para Cerdedo-Cotobade.

Ademais, recorda que desde o goberno local, e a pesar de non ser a súa competencia, fíxose unha labor moi importante de intermediación para reactivar as obras e que se conclúa a rotonda, "en aras do interese xeral dos seus veciños, que ven como levan catro invernos xa esperando por unha obra fundamental para garantir a súa seguridade nun tramo moi perigoso".