Pillan un home de 56 anos no exame de recuperación do permiso de conducir con auricular, teléfono e mini cámara

Pontevedra
11 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Axentes da Garda Civil sorprendían á persoa empregando medios técnicos para superar a proba de recuperación de puntos. Transmitía coa cámara oculta na roupa as preguntas e, desde o exterior, alguén facilitaba as respostas a través dun auricular

Mini auricular e mini cámara comisados pola Garda Civil
Mini auricular e mini cámara comisados pola Garda Civil

Un home de orixe uruguaia, de 56 anos de idade residente en Vigo, foi identificado polo Grupo GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, cando os axentes acudían á Xefatura provincial de Tráfico de Pontevedra.

Nese espazo celebrábase o exame de recuperación de puntos do permiso de condución na xornada do mércores 6 de marzo. 

Os axentes detectaron que o home levaba un teléfono móbil adherido ao corpo ao que conectara unha mini cámara e un mini auricular na orella, que utilizaba para realizar o exame para recuperar os puntos do permiso de conducir.

Segundo indican desde a Garda Civil, o home era apoiado por alguén desde o exterior que vía as preguntas a través da cámara oculta entre a roupa e facilitáballe as respostas a través do auricular.

Os axentes procederon a denunciar de maneira administrativa ao home por infracción grave ao Real Decreto Lexislativo 6/2015, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria. Comisaron tamén o material que utilizara o home que se examinaba.

Segundo indican as mesmas fontes, é habitual que se realicen controis sobre a cidadanía que realiza as probas do exame efectuadas pola Xefatura de Tráfico de Pontevedra por parte de compoñentes do GIAT do Subsector de Tráfico. 

Non é a primeira vez que se detectan este tipo de métodos ou similares. A Garda Civil tamén indica que mesmo se rexistraron suplantacións de identidade para facerse pasar pola persoa que debería presentarse ao exame.