'Ping PonteInGames', un evento para demostrar que "os videoxogos non son só para nenos"

Pontevedra
19 de novembro 2021

O evento de 'gaming', que se celebrará os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, presentou este venres a súa programación

Presentación do evento 'Ping PonteInGames'
Presentación do evento 'Ping PonteInGames' / PontevedraViva

Pontevedra ábrese ao mundo dos videoxogos e o 'gaming' cun novo evento, o 'Ping PonteInGames' que se celebrará os días 2, 3 e 4 de decembro no Pazo da Cultura.

Con el "queremos romper un  pouco co estereotipo de que os videoxogos sexan só para nenos", explicou na presentación do seu programa o pontevedrés Pablo Cacheda, responsable da produtora Volvemos a Primera que está detrás da organización.

"É unha programación moi diversa", sinalou á súa vez a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, ao contar con "tres vertentes como son as charlas divulgativas, os obradoiros para os nenos e os torneos en streaming".

De feito no 'Ping' están involucrados algúns dos equipos de gaming máis importantes da comunidade ao querer ser como "un paraugas do mundo d  gaming de xente de aquí, de Galicia", asegura Cacheda.

O programa poñerase en marcha o xoves 2 ás 19.00 horas cun acto de apertura con música en directo do grupo Son do Gaming, tocando temas históricos de videoxogos, e cunha exhibición de clubs Pro FIFA 22. En canto ao venres día 3, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 21.30 horas, ofrecerase o obradoiro 'Bluescola', con Polygonestudios; as conferencias 'Tu idea + Comtecart= Proxecto' y 'Creando Videoxogos Educativos' por parte de Beatriz Legerén e Miguel Areán; e os torneos de Mario Kart, Age of  Empires II e Rocket League, cun programa en directo 'Gaming Show Streaming Finais Torneos'.

Por último o sábado no mesmo horario impartiranse as conferencias  'Devuego, unha plataforma de apoio aos #videojuegosespañoles', protagonizada por Yova Turnes; 'A Localización de Videoxogos: do texto á pantalla' a cargo de Ramón Méndez, e 'O Videoxogo como elemento cultural' con Carlos Pereiro, Galo e Jacobo Martínez. Ademais está previsto un directo coa streamer galega Spirit e outro titulado 'O coleccionismo geek: o Mario da 64 xa vale máis que un bitcoin' con Rubén Vázquez e Martín Losada, xunto a torneos de Smash Bros e FIFA 21, e o programa en directo 'Gaming Show Streaming + Recuncho Gamer'.

A programación complétase coa exposición permanente de videoxogos e consolas do Museo do Videoxogo (MUVI).

Os eventos en directo e os torneos serán retransmitidos a través da canle de Youtube do Concello de Pontevedra e tamén da plataforma Twich, todo iso cunha participación aberta aínda que recomendando reservar praza previa a través do correo electrónico [email protected].