"Liberación humana, animal y de la Tierra, organízate y lucha", así reza a pintada que vandaliza unha das paredes do Museo provincial de Pontevedra.
Concretamente, a frase foi escrita con spray de cor negra na fachada do edificio Fernández López, declarado Ben de Interes Cultural (BIC).
Non é a primeira vez na que este muro sofre un acto vandálico, situación que nas anteriores ocasións foi denunciada ante a Policía Nacional pola Deputación de Pontevedra.
Os danos afectan á parede situada na confluencia das rúas Pasantería e Laranxo.
Ao estar catalogado como un BIC, a sanción por este acto contra o Patrimonio podería elevarse até os 150.000 euros, segundo a Lei do Solo de Galicia.
Nos últimos días as pintadas con motivos políticos repetíronse noutros espazos públicos de Pontevedra como a cruz do Monumento ao soldado na Alameda ou en edificios privados como a fachada do Hotel Rías Bajas.
Nesta ocasión o texto escrito e o símbolo que o acompaña coincide cun dos lemas utilizados polo movemento anarco-veganista. Precisamente este pasado venres 1 de novembro celebrouse en todo o mundo o Día Mundial do Veganismo.


É lamentable ver edificios como o #MuseoPontevedra con pintadas que danan o noso patrimonio.
— Rafa Domínguez (@RafaDominguezPo) November 4, 2024
Urxe actuar: dende o @PP_Pontevedra propuxemos máis multas e presenza policial, pero BNG e PSOE votaron en contra.
A limpeza comezará en breve. pic.twitter.com/UBLdWtd8mh