Pinto e Maragota comeza cunha Foliada Diversa e ofrecerá un congreso para docentes

Pontevedra
06 de outubro 2023

Este sábado 7 de outubro iníciase o programa municipal Pinto e Maragota, que visibiliza a diversidade, na Praza do Teucro a partir das 19.00 horas coa proposta que desenvolve a Asociación Cultural Trépia

Cartel da Foliada Diversa de AC Trépia
Cartel da Foliada Diversa de AC Trépia / Asociación Cultural Trépia

Este sábado 7 de outubro comeza a programación prevista para este ano polo Concello de Pontevedra dentro do programa Pinto e Maragota, que busca dar visibilidade á diversidade. Será da man da Asociación Cultural Trépia, que ofrecerá unha Foliada Diversa na Praza do Teucro a partir das 19.00 horas.

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, presentaba os actos previstos lembrando que Pontevedra "non levanta a bandeira do orgullo só un día, senón que a levanta durante todo o ano"  e destacou que ningún outro Concello en Galicia e poucos no Estado ofrecen un programa con tantas actividades.

Entre os puntos da programación quixo facer fincapé no Premio Literario Pinto e Maragota, en colaboración coa editorial Xerais, que neste 2023 recaeu na obra 'Todo o que doe' de Carmen Caramés.

Ademais, indicou que o sábado 21 de outubro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá un congreso para docentes no que se analizará a diversidade sexual e de xénero nas aulas coa intervención das actrices da Panadaría, compañía que traballa estes temas nos seus espectáculos. 

"Este congreso pode ser unha ferramenta fundamental para o profesorado e facer sociedades mellores", afirmaba Anabel Gulías. Realizaranse talleres nos centros de ensino secundario en paralelo con este congreso, que finalizará cun recital poético de Ismael Ramos

Tamén está previsto o domingo 19 de novembro un Vermú Tortilleiro no Campiño no que se compite con mostrar a mellor tortilla tradicional e a mellor tortilla queer, con todo tipo de ingredientes. O coñecido chef Pepe Vieira participará no xurado desta actividade gastronómica.

Aproveitando a presentación, Anabel Gulías anunciaba que o goberno local traballa na licitación do concurso público do Centro de información en diversidade e sexualidade (CIDES) de Pontevedra coa intención de que entre en funcionamento en 2024.