O programa municipal Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade, entra na recta final do ano cun auténtico fervedoiro de propostas que mesturan formación, reivindicación e lecer para todos os públicos.
Para a comunidade educativa, haberá unha vintena de obradoiros nos institutos da cidade e unha nova edición da xornada formativa para profesionais das aulas. Será o sábado 10 de outubro, no Teatro Principal, con inscrición gratuíta en info@pintoemaragota.gal. Este ano falarase de saúde mental, terapias de conversión, deporte e diversidade, e tamén haberá podcast en directo, entrevistas e ata un obradoiro para meter contido queer na Wikipedia.
E para o público xeral, Pinto e Maragota trae dous vermús culturais que xa son cita obrigada na axenda pontevedresa. O primeiro será un Vermú Literario, o venres 17 de outubro, ás 19:00 horas, na Libraría Paz co escritor pontevedrés Álvaro Domínguez, autor de Gai, o xusto, un ensaio sobre o "auto-odio nos homes maricas CIS", finalista do III Premio de teorías Queer e Crip Sonia Rescalvo Zafra
O segundo será un Vermú Musical, o venres 14 de novembro, ás 20:00 horas, no Bar Verbena con Raposa, dúo pontevedrés que mestura jazz, música clásica, canción protesta e moito máis. Presentan o seu disco 'Un amor', unha oda á diversidade e á música como ferramenta de transformación social.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, destacou que "Pontevedra unha cidade na vangarda de actividades ao redor da diversidade en todo o país, cunha programación ampla, variada, para o conxunto da cidadanía, unha cidade que non celebra o Orgullo só o 28 de xuño senón durante todo o ano, unha cidade orgullosa que celebra e reivindica a diversidade cada día".
Nos obradoiros nos institutos, trabállase cos datos da enquisa sobre diversidade realizada o curso pasado, que revelou un dato alarmante como é que menos do 50% do alumnado LGTBIQ+ ve os centros como espazos seguros. Por iso, máis que nunca, faise necesario seguir traballando desde as aulas.
Participan os IES Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I e II, Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, a EPA Río Lérez e tamén a Universidade de Vigo.
Anabel Gulías sinalou que isto non remata aquí xa que Pinto e Maragota ten un novo proxecto en marcha que se presentará moi pronto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.