Pinza entre PSOE e PP para forzar a apertura sen restricións da Ponte da Barca

Pontevedra
10 de decembro 2013

O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, confirmou este martes que o seu grupo votará no próximo Pleno a favor da moción presentada polos socialistas para forzar a apertura sen restricións da Ponte da Barca

Jacobo Moreira e Antón Louro nun pleno muncipal
Jacobo Moreira e Antón Louro nun pleno muncipal / Mónica Patxot

O voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, confirmou este martes que o seu grupo votará no próximo Pleno a favor da moción presentada polos socialistas para forzar a apertura sen restricións da Ponte da Barca.

Moreira, que no seu día fixera pública a intención de solicitar a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar este tema, decidiu finalmente non facelo a raíz da presentación por parte do PSdeG-PSOE dunha moción "que coincide con que sempre defendeu o PP", e na que se denuncia esa ausencia de "criterios profesionais" á hora de restrinxir a circulación viaria.

Igual que os socialistas, Moreira tamén defende que se redacte un estudo "serio e rigoroso" que mida os fluxos de tráfico que se rexistran durante un ano, incluíndo as variacións estivais, en Paseo de Colón e as rúas Alameda, Echegaray e Alfonso XIII.

"Calquera decisión que vaia afectar á vida dos cidadáns ten que adoptarse tras coñecer con detalle a opinión de técnicos e profesionais, e non pode ser que o Concello estea condicionado polas ocorrencias de Mosquera ou Lores", dixo o voceiro popular.

Moreira espera que nesta ocasión o acordo PP-PSOE para forzar unha rectificación de Lores teña "algún efecto práctico e non pase como con decisións plenarias anteriores fronte ás que o alcalde amosa unha completa indiferenza".