O pioneiro almacén de baterías de Sanxenxo comezará a funcionar en agosto

Sanxenxo
11 de febreiro 2025
Actualizado: 16:47

O subdelegado do Goberno felicitou aos responsables en España da empresa chinesa Sungrow. O proxecto permitirá producir 20 MW/hora, suficientes para subministrar a 2.500 vivendas

O subdelegado do Goberno, cos representantes de Sungrow
O subdelegado do Goberno, cos representantes de Sungrow / Subdelegación do Goberno

O futuro almacén de baterías de Sanxenxo, o primeiro destas características en Galicia, comezará a funcionar o próximo mes de agosto no polígono de Nantes.

Así o deu a coñecer este martes o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que mantivo unha reunión cos responsables en España da empresa chinesa Sungrow, que vai poñer en marcha esta instalación.

Estivo con Daniel Sánchez, CEO na Península Ibérica da empresa chinesa, e José Ramón Rivas, responsable de Desenvolvemento de Proxectos, e felicitounos polo proxecto.

O proxecto suporá o investimento de 6,5 millóns de euros en Nantes, dos que 1,6 millóns son unha achega do Goberno de España a través do PERTE de Enerxías renovables, hidróxeno verde e almacenamento.

Sobre a data de posta en servizo, os responsables da empresa trasladaron a Losada que será o próximo mes de agosto unha vez que están superados tódolos trámites ambientais, xa que están a piques de recibir a licenza municipal.

Abel Losada aplaudiu a "intelixencia e o carácter pioneiro desta aposta empresarial destinada a competir, en condicións cada vez máis favorables, coas centrais de ciclo combinado de gas".

Ademais, o subdelegado destacou que este tipo de almacéns son un segundo paso no despregamento das enerxías renovables en España, ao permitir equilibrar a potencia enerxética da rede para satisfacer a demanda en momentos en que a produción de enerxía diminúe a causa das condicións climatolóxicas.

O proxecto, denominado oficialmente 'Bess Sanxenxo', situarase nunha parcela de 3.101 metros cadrados e contará con catro módulos preinstalados en contedores especiais, baseados na tecnoloxía lithium iron phosphate (LFP), na modalidade “stand-alone”. Cada contedor está composto por 6 racks -que a súa vez conteñen 8 módulos de baterías e 6 inversores de corrente continua -solar ou eólica- a corrente alterna, a da distribución eléctrica.

Sungrow Power é unha multinacional líder no sector da enerxía solar, con sede en Hefei (China) e unha facturación próxima aos 10.000 millóns de euros en 2023. En España, opera a través de Sociedade Soner Sorolla, controlada polo holding Sungrow Renewable Energy Spain, con sede en Madrid, e pertencente a unha empresa establecida en Singapur.