Piso ben situado, económico e políglota busca inquilinos

Pontevedra
14 de xullo 2015

Na 'Casa Inglesa' convivirán estudantes propios e estranxeiros co obxectivo de perfeccionar o idioma

Residentes nos diferentes pisos da Casa Inglesa
Residentes nos diferentes pisos da Casa Inglesa / Universidade de Vigo

O Diario da Universidade de Vigo informa que a Casa Inglesa do Campus de Pontevedra busca inquilinos.

Buscar piso, ben situado, económico e con bos compañeiros é unha tarefa pesada á que cada ano se enfronta o alumnado que decide estudar fóra, ata o punto de que en moitos casos incluso adían este traballo ata os primeiros días de setembro. Este problema pode ter fácil solución grazas á Casa Inglesa, unha iniciativa que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra puxo en marcha no ano 2012 co obxectivo de axudar ao alumnado a perfeccionar o seu idioma grazas á convivencia con mozos de fala angloxasona.

O estudantado interesado poderá inscribirse ata o 31 de xullo.

Cada alumno aboará un aluguer de entre 200 e 250 euros no caso de cuarto individual e de 130 a 150 para o cuarto compartido, cos gastos incluídos de auga, luz, ADSL e calefacción.

MOITO MÁIS QUE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA

Os alumnos nativos poderán ocupar o piso o curso enteiro, mentres que o alumnado estranxeiro terá a opción de aloxarse nunha destas vivendas durante a súa estancia en Pontevedra.

Ao longo do curso programanse actividades sociais entre os ocupantes do apartamento e dan tamén a oportunidade de examinarse ao alumnado nativo, así como tamén axudan a buscar clases de español e galego para o alumnado estranxeiro.

En cada un dos pisos haberá un head resident encargado de planificar e coordinar distintas actividades nas que a práctica do inglés, dun xeito ameno e divertido, é fundamental.