Pistoletazo de saída para acondicionar a Vía Verde do Salnés

Umia
28 de decembro 2018

A Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, para acometer a primeira fase do proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés

Sinatura do convenio para a posta en marcha da Vía verde do Salnés
Sinatura do convenio para a posta en marcha da Vía verde do Salnés / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio de colaboración cos concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía de Arousa, para acometer a primeira fase do proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés, cuxo obxectivo é proporcionar un uso alternativo á infraestrutura do ferrocarril fóra de servizo en parte da liña Redondela-Santiago de Compostela.

Será unha senda peonil e ciclista que aproveitará o trazado ferroviario en desuso. Terá unha lonxitude de case 10 quilómetros, partindo de Abelle (Rubiáns), pasando por Caldas e rematando na estación de Portas.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que con este convenio preténdese dar resposta á crecente demanda da cidadanía para dispor de servizos turísticos alternativos que lles permitan practicar diferentes experiencias deportivas, culturais e de contacto coa natureza.

A presidenta destacou que "sumar sinerxias é moi importante para sacar adiante iniciativas" e lembrou que con este convenio o goberno provincial "cumpre así o compromiso" adquirido con este proxecto que xustificou coma "un argumento máis para vir visitarnos".

Esta primeira fase para a posta en marcha da Vía verde ten un investimento de 356.186,87 euros, pero o proxecto global é de algo máis de 565.000 euros, cuxa parte restante correspondería á Xunta de Galicia que xa remitiu unha proposta de borrador de convenio para asinar a tres bandas.

A alcaldesa en funcións de Vilagarcía, Tania García, deu a benvida á incorporación da Xunta e amosou a súa satisfacción porque "despois de tanto tempo" este proxecto "vai ser realidade". Neste mesmo sentido pronunciáronse o alcalde de Portas, Víctor Estévez, e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey que asegurou que con esta Vía Verde "vai medrar a calidade turística da provincia".

A Vía Verde do Salnés converterase na primeira Vía Verde íntegra en Galicia, xa que na actualidade só existe a Vía Verde do Eo, que é compartida entre Galicia e Asturias.