Placas solares no centro deportivo de Campolongo para reducir unha factura anual "que está por riba dos 120.000 euros"

Pontevedra
01 de decembro 2022

A empresa que xestiona as instalacións deportivas municipais de Campolongo, BeOne, instalou esta semana 84 módulos fotovoltaicos para mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir contaminación

Instalación de placas solares no complexo deportivo municipal de Campolongo
Instalación de placas solares no complexo deportivo municipal de Campolongo / PontevedraViva

A factura enerxética disparouse nos últimos meses en todos os fogares e empresas, e unha instalación municipal como o Centro Deportivo de Campolongo non escapa a esa tendencia.

Tanto é así que os seus custos de electricidade triplicáronse. "Os números que manexaban de gasto enerxético anual andaban ao redor dos 40.000 ou 45.000 euros e este ano xa nos dixeron que está por riba dos 120.000 euros", recoñece desde o Concello o edil de Deportes, Tino Fernández.

Para amortecer o golpe, a empresa que xestiona as instalacións, BeOne, comezou a instalar esta semana 84 módulos fotovoltaicos no teito do complexo co obxectivo de aforrar enerxía e contaminar menos.

"Este aforro supoñerá a emisión de 156.213 quilos de CO2 menos cada ano. Ademais, Campolongo unirase a outros 15 centros do Grupo que, en suma, van aforrar ao redor dun 40% do total da enerxía eléctrica que consomen anualmente", explica a empresa.

As placas solares instaladas serán capaces de producir ao redor de 39.500 quilowatts hora (kWh) ao ano cunha potencia instalada total de 44 quilowatts (kW).