Plan de desinfección en todos os colexios públicos de Sanxenxo

Sanxenxo
03 de febreiro 2021

O obxectivo desta medida é, segundo anuncia o Concello, reforzar a hixiene aplicando nas aulas, ximnasios, baños, bibliotecas e espazos comúns o mesmo sistema de limpeza que se realiza cando se pecha unha clase por positivos en covid-19

Desinfección no colexio Cruceiro de Sanxenxo
Desinfección no colexio Cruceiro de Sanxenxo / Concello de Sanxenxo

A loita contra a covid-19 intensifícase nos centros educativos de Sanxenxo. O  Concello acaba de anunciar un plan de desinfección nos seis colexios públicos e a escola unitaria de  Aios nas próximas dúas semanas. 

O obxectivo desta medida é, segundo anuncia o Concello, reforzar a hixiene aplicando nas aulas, ximnasios, baños, bibliotecas e espazos comúns o mesmo sistema de limpeza que se realiza cando se pecha unha clase por positivos en covid-19.

A concelleira de Cultura, Paz Lago, confía en que este plan redunde na seguridade e garantía de seguridade sanitaria dos centros educativos municipais. Lembra, ademais, que completa o plan especial de limpeza posto en marcha desde o inicio de curso dentro do protocolo  anticovid deseñado en colaboración coas direccións dos colexios. Sanxenxo triplicou este curso as quendas de limpeza por centro educativo.

Esta limpeza especial require unha planificación xa que o espazo onde se aplique os  fungicidas e bactericidas a través dun  nebulizador debe permanecer pechada ou con acceso limitado polo menos durante sesenta minutos. A continuación, o persoal de limpeza realizará un exhaustivo repaso da zona de forma manual e xa estará listo para o seu uso. As tarefas realizaranse durante todas as tardes da semana excepto os martes aproveitando a ausencia tanto do alumnado como do profesorado. Os martes nos e pode porque hai xornada de titorías.

O colexio de O Cruceiro é o primeiro no que se desenvolverá este plan. O martes xa  desinfectaron as 3 aulas que permanecen confinadas e agora continuarase ata  desinfectar un total de 20 aulas, 2 ximnasios e 18 baños. 

Os espazos a  desinfectar son: na Florida, 21 aulas e 17 baños; en Nantes, 10 aulas, 1 ximnasio e 8 baños; en Dorrón, 12 aulas e 12 baños; en Portonovo, 25 aulas, 2 ximnasios e 18 baños; e en Noalla, 14 aulas, 1 ximnasio e 11 baños. En todos se  desinfectarán tamén os corredores, as bibliotecas, as oficinas e salas de profesores de todos os centros. Na escola unitaria de  Aios limparanse todas as estancias con  bactericida.