Plan de mellora de parques infantís en Perdecanai, Agudelo e Valiñas

Barro
14 de febreiro 2022

Este proxecto conta cun orzamento de máis de 38.000 euros. A primeira actuación será no parque de Perdecanai. Tamén remataron as obras de acondicionamento interior das escolas de Cangrallo e Agudelo. Nesta última, o goberno local de Barro está traballando para restituír canto antes a carpintería exterior, que foi roubada. Tamén está previsto incrementar as medidas de seguridade

Visita de Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, con directivos da Comunidade de Montes ao local social de Cangrallo
Visita de Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, con directivos da Comunidade de Montes ao local social de Cangrallo / Concello de Barro

O goberno local de Barro anuncia a posta en marcha dun proxecto de mellora dos parques infantís das parroquias de Perdecanai, Agudelo e Valiñas. O orzamento para a posta a piques destes espazos de xogo ascende a máis de 38.000 euros.

A principal actuación está prevista no parque de Perdecanai. Alí renovaranse todos os elementos de xogo, ampliarase e renovará o pavimento, ademais de instalarse un novo valo de peche exterior. Nos outros dous parques realizaranse traballos de mantemento e mellora do material actual.

ESCOLAS DE CANGRALLO E AGUDELO

Desde o Concello tamén anuncian que as obras do proxecto de acondicionamento interior das antigas escolas de Cangrallo e Agudelo xa finalizaron. Estes espazos utilízanse como locais sociais. O alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e representantes da Comunidade de Montes de Barro achegáronse ata as instalacións. 

Na escola de Cangrallo renováronse dous pisos que se atopaban en mal estado de conservación. Reformouse integralmente o edificio con adaptación dos servizos e pintado. En Agudelo instaláronse escaleiras e o chan do primeiro piso, ademais de acometerse o pintado interior.

O proxecto contou cun orzamento de 24.091 euros. Foi executado pola empresa Manuel Constela Pérez, adxudicataria ao presentar a mellor oferta ao concurso. A obra foi financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Proximamente quérese acometer un proxecto de renovación e modernización de todo o sistema eléctrico dos dous locais sociais.

Ademais, desde o Concello avanzan que traballan coa intención de reparar canto antes a carpintería exterior que foi roubada da escola de Agudelo. Tamén está previsto incrementar as medidas de seguridade para evitar actos vandálicos deste tipo.