A Alameda de Pontevedra acolleu este sábado a celebración da terceira edición do Plant Fest, unha cita que xa se consolida como un dos encontros máis singulares arredor da ecoloxía, as plantas e os hábitos sostibles na cidade.
Miles de persoas achegáronse ao recinto durante a xornada para participar nun festival que mestura natureza, divulgación e lecer nun ambiente festivo e aberto á cidadanía.
O evento destacou, unha vez máis, pola súa aposta por achegar a cultura verde dun xeito próximo e desenfadado, reivindicando ademais o espazo público como punto de encontro para compartir coñecementos, experiencias e iniciativas vinculadas á sustentabilidade.
Nesta terceira edición, o festival medrou tanto en duración como en programación. As actividades arrancaron xa pola mañá cunha sesión de "Morning Ioga", unha proposta orientada a conectar o benestar físico e emocional co contacto coas plantas e coa natureza.
A actividade serviu como preludio dunha intensa xornada que se prolongou sen interrupción ata as nove da noite.
Outra das novidades máis celebradas foi a incorporación dunha sesión vermú, que contribuíu a crear un ambiente máis dinámico e continuo durante todo o día.
Música, postos especializados e espazos para descansar fixeron da Alameda un lugar de encontro interxeracional no que conviviron afeccionados á xardinería, familias, curiosos e amantes da vida sostible.
Os "Faladoiros" convertéronse nun dos grandes atractivos da programación. Nesta ocasión, a conversa xirou arredor da horta tradicional e da importancia de recuperar prácticas agrícolas sostibles e produtos de proximidade.
Entre as participantes estiveron a creadora de contido Huertelia, coñecida nas redes sociais polo seu labor divulgativo arredor da horticultura; Sandra, responsable do proxecto "Nosa Granxa"; así como representantes de "Cultivo Galego", que puxeron en valor a produción local tanto desde o punto de vista gastronómico como cultural.
Ao longo da Alameda instaláronse tamén numerosos stands de emprendedores e marcas locais, nos que os visitantes puideron atopar desde plantas ornamentais ata cosmética natural, pezas de artesanía e produtos relacionados co cultivo doméstico.
A vertente formativa tivo igualmente un peso importante no festival. Desenvolvéronse diversos obradoiros en grupos reducidos para favorecer unha experiencia máis próxima e participativa.
Entre as actividades máis concorridas destacou un taller infantil sobre a horta impartido por Huertelia, pensado para introducir aos máis pequenos no coidado das plantas e nos principios básicos do cultivo ecolóxico. Tamén espertou gran interese un obradoiro centrado nos coidados das orquídeas, patrocinado pola marca Lechuza.
Como xa é tradición, o broche final chegou co intercambio de escallos, unha das actividades máis esperadas polos asistentes.
A partir das sete da tarde, multitude de persoas se achegaron ata este espazo colaborativo no que compartir plantas, esqueixes e consellos de cultivo, pechando así unha xornada marcada pola convivencia, a aprendizaxe e a paixón polo mundo verde.

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026

PlantFest 2026