O Pleno da Deputación, na sesión correspondente ao mes de outubro, deu luz verde a unha modificación de crédito de dous millóns de euros para executar distintos investimentos nos concellos. Entre elas, destaca o convenio de colaboración co de Pontevedra valorado en 940.000 euros para a construción do viario de conexión entre a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro en Mollavao.
A modificación de crédito tamén inclúe os 350.000 euros para a humanización da Praza de Cimadevila, en Soutomaior, que foran excluídos do ReacPon polo anterior goberno e que deben ser concedidos en cumprimento dunha sentenza do TSXG.
Este punto principal da sesión foi aprobado cos votos favorables de 'populares' e nacionalistas e o rexeitamento dos socialistas.
Por unanimidade, foi aprobada a nova Axenda Rural e Urbana que guiará aos concellos na captación de fondos europeos.
Así mesmo, a sesión serviu para aprobar unha moción presentada polo PP para solicitar ao Goberno central o apoio e recoñecemento ao labor que realiza a Garda Civil, comprometéndose a manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia e dotándoa de máis medios persoais e materiais.
A moción foi aprobada cos votos favorables do grupo de Goberno, a pesar do voto en contra do PSOE e a abstención do BNG.
O grupo popular presentou tamén unha proposta para reclamar ao Ministerio de Transportes o mantemento da gratuidade dos bonos de viaxes para os trens de media distancia para o ano 2025 e sucesivos co propósito de favorecer o avance da mobilidade sostible na provincia de Pontevedra e no resto de Galicia. Foi aprobada grazas aos votos favorables dos deputados do PP, coa abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.
Pola contra, foi rexeitada a moción do grupo socialista relacionada coa financiación do Plan de Transportes por estrada de Galicia.
O PSOE decidiu retirar do debate a súa segunda moción, relacionada con SmartPeme, porque a Xunta de Goberno renovara o servizo na Xunta de Goberno deste xoves.