A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra realizou este mércores a terceira xornada do seu plan de limpeza submarina das súas dársenas e nunha soa xornada retiraron un total de 20 metros cúbicos de lixo mergullado.
Entre os residuos de maior porte retirados atopáronse restos de aparellos de pesca, pneumáticos, pezas de automóbil e outros vehículos e restos de embarcacións e de mobiliario, entre outros refugallos.
As tres xornadas de limpeza xa realizadas centráronse na dársena de embarcacións deportivas (contorna do paseo Alcalde Blanco), dársena do peirao pesqueiro Sur e parque de Cantodarea e dársena de embarcacións menores na zona de Praceres.
A actividade encádrase nas actividades do proxecto Marine Litter Style (ML- Style) coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, no que participa o Porto de Marín.
En días previos levouse a cabo unha inspección dos fondos destas tres localizacións por parte de mergulladores como medida previa para avaliar a densidade, tipoloxía e distribución do lixo mariño acumulado así como para planificar o traballo para realizar nas xornadas de limpeza e os recursos tanto humanos como materiais necesarios para a súa realización.
Posteriormente os mergulladores sinalaron con boias os principais puntos de retirada e un remolcador da empresa Amar Marín dotado de guindastre subiu os residuos a terra.
Estas tarefas de limpeza súmanse ás xa realizadas en marzo na lámina de auga na dársena pesqueira, da que se retiraron aproximadamente un metro cúbico de material flotante, principalmente plásticos, que os ventos das últimas xornadas arrastraron ao interior do porto. O material sacado do mar foi caracterizado e separado para xestionar a parte que puidese ser valorizable, dentro dos proxectos ambientais nos que participa o porto.