A Policía Local de Poio presentou o balance de seguridade viaria correspondente ao ano 2024, no que se rexistraron un total de 202 accidentes, con 68 feridos leves, 1 ferido grave e 7 atropelos, un deles de gravidade.
Aínda que non se produciron vítimas mortais, as cifras mantéñense preocupantes, segundo indica a Policía Local, especialmente pola concentración de sinistros en puntos negros como a PO-308 e as avenidas máis transitadas do municipio.
Segundo o informe elaborado pola Policía Local, a PO-308, que une Poio con Sanxenxo, é a vía máis insegura, concentrando o 80% dos accidentes con feridos e os de maior gravidade.
As avenidas da Barca, da Costa, da Cruz, de Encoirados, San Xoán e Peirao Besada son os puntos de maior sinistralidade, debido á alta afluencia de tráfico e á falta de infraestruturas adecuadas para protexer a peóns e condutores.
O tipo de accidente máis frecuente foi por alcance, seguido dos frontolaterais e as saídas de vía. Entre as causas directas destacan a falta de distancia de seguridade, o uso manual do teléfono móbil durante a condución e a velocidade inadecuada.

O alcol e as drogas tamén xogaron un papel relevante, con 42 infraccións tramitadas por conducir baixo a influencia destas substancias.
A análise dos datos dos últimos anos revela unha tendencia preocupante. En 2024, a cifra de accidentes mantívose estable respecto a 2023, cando se rexistraron 228 sinistros, 75 feridos leves e 4 graves.

Segundo indican as fontes policiais, nos últimos anos rexistrábase un aumento de preto de 20 feridos anuais, progresión que se estancou no 2024 pero que segue a ser alarmante.
A Policía Local de Poio subliña a necesidade de tomar medidas urxentes, como a redución do volume de tráfico na PO-308, a instalación de pasos elevados para peóns e ciclistas e a posta en marcha de campañas de concienciación para condutores.
A esperanza está posta nas obras previstas nesa estrada que percorre o litoral do municipio, que se agarda contribúan a reducir a sinistralidade e mellorar a seguridade viaria no municipio.
A Policía Local anuncia que continuará coas súas campañas preventivas para concienciar sobre os riscos de condutas incívicas ao volante, como o uso do móbil ou a condución baixo os efectos do alcol e as drogas.
