Poda de atrinchieramento ao abeto branco do Pazo de Quintáns

Sanxenxo
09 de xullo 2025

A impoñente estrutura da árbore continuará presidindo o patio central do edificio declarado BIC en 2017

Abeto branco do Pazo de Quintáns
Abeto branco do Pazo de Quintáns / Concello de Sanxenxo

O abeto branco que preside o patio central do Pazo de Quintáns, declarado BIC en 2017, continuará no lugar tras ser obxecto dunha poda de atrincheiramento que evite a caída de ramas e a progresiva deterioración da estrutura.

O Concello de Sanxenxo contratou os traballos a Arbogal tras tentar sen éxito recuperar a árbore dos efectos dun fungo moi agresivo.

A Estación Fitopatológica do Areeiro xa alertou da sensible degradación da parte alta do tronco e recomendou a súa retirada tras o posterior tratamento.

Con todo, como as probas de resistencia da madeira do tronco resultaron positivas e nas mostras tomadas do solo non se detectaron patóxenos, realizouse un segundo intento biselando e saneando os cortes horizontais e as zonas de madeira máis degradada (aplicando unha pasta fungicida); cauterizando con calor as zonas de madeira máis degradada; e podando algunhas ramas.

A árbore non logrou recuperarse, polo que se eliminou a totalidade da copa para evitar danos pola caída de ramas secas cunha poda de atrincheiramento, tamén coñecida como baixada de copa.

Trátase dunha técnica que se aplica a árbores maduras ou anciás para reducir o risco de fracturas e caídas de ramas pesadas ou débiles.

Consiste en eliminar ponlas desde a súa inserción co tronco ou ramas principais, buscando recolocar o centro de gravidade da árbore e favorecer o crecemento de ramas máis fortes e estables.