"Cando eu era adolescente había moita divulgación sobre o VIH. Eu creo que no que hai que poñer o foco hoxe en día é que unha persoa que ten o VIH non ten ningunha diferenza con outra. Habería que dar máis divulgación para que saiba todo o mundo que é indetectable e intransmisible".
Estas palabras son de Erik Barrio, a quen lle comunicaron un resultado positivo en VIH hai catro anos. Reside en Portonovo e traballa no sector turístico.
Con indetectable e instransmisible refírese á máxima que a década pasada xa difundiu ONUSIDA: "indetectable = intransmitible". Sinalaba entón que había evidencias contundentes de que quen viven cunha carga virosa indetectable do VIH non poden transmitilo. Carga virosa indetectable refire a que a cantidade de virus é tan ínfimo que as analíticas non o detectan. E isto lógrase co seguimento estrito da medicación.
Así resultou ser no caso de Erik, como relata no podcast 'Cara a Cara': "polo que sei, creo que o pillei bastante rápido. Despois de facer as probas empecei rapidamente coa medicación e creo lembrar que en menos dun mes e medio, dous meses, xa estaba indetectable".
"O virus, lamentablemente, de momento non hai ningunha cura para eliminalo do corpo. A medicación o que fai é deixar o virus durmido, por así dicilo", engade. No seu caso toma o tratamento antirretroviral cunha pastilla ao día, e "hai outros tipos de medicación, por exemplo, inxeccións" que se inoculan de forma periódica.
A única pega que pon ao tratamento é sobre a dispensación: "o que non me gusta en España é que teñamos que ir á farmacia do hospital a por unhas simples pastillas. Eu creo que, como calquera outra enfermidade crónica, coa miña tarxeta sanitaria podería ir a calquera farmacia a buscar a miña medicación".
Desde o momento en que deu positivo, optou por comunicalo á súa contorna, "unha vez que tiven a información correcta non houbo ningún problema a nivel familiar nin de amizades" di, polo que nunca tivo ningunha experiencia negativa respecto diso.
A súa vivencia, con todo, non significa que non siga habendo receo; afirma que "aínda hai moito estigma", por iso incide na importancia de manter campañas de información e divulgación sobre o VIH e sobre a SIDA, "que non son o mesmo".
Outra cuestión recorrente na súa conversación é non esconderse. "Eu sempre o vin de forma bastante aberta. Non estou nun armario, nin de homosexualidade nin de VIH. Así que convido á xente que sexa positiva (en VIH) a saír deste armario, falar cos seus amigos, falar coa súa familia, porque ao final non é nada e a vida segue. O virus non te vai a eliminar nunca".
Este 1 de decembro está sinalado como Día Mundial da SIDA. O CHUP programou para o próximo día 17 deste mes un acto público na Casa das Campás, "así que tamén convidamos a todo o mundo a ir alí", conclúe.