Antes de chegar ao ioga Esther Vázquez practicaba multitude de actividades deportivas. Empezou como ferramenta para a recuperación física. Disto hai once anos "e atrapoume enseguida", di.
En 2020, xa instalada en Galicia, a súa contorna empezou a pedirlle que lles guiase nesta práctica durante o confinamento. Empezou tamén a formarse. Actualmente, imparte clases de forma presencial e tamén online a través de YouTube.
O ioga ten múltiples variantes, ioga restaurativo, dinámico, somático, prenatal, oncolóxico... "como é moi aberto, hai moitos métodos dentro do Ashtanga Ioga". Isto leva que quen queira empezar deba saber como está o seu corpo "e a partir de aí que método vaiche mellor e tamén que conexión ten co profesor ou profesora".
Esther Vázquez imparte Ashtanga Ioga e Yin Ioga. O segundo método "é dos máis pausados e restaurativos" e recoméndase para todas as persoas, tanto moi deportistas como persoas con patoloxías. Os beneficios chegan "a todos os niveis, físico, mental e espiritual" afirma.
Outra das súas facetas é a escritura. Durante un tempo foi libreira, así que como lembra no podcast 'Cara a cara', coñece o sector. As súas primeiras publicacións, sempre autoeditada, foron de títulos de fantasía, e con '5 claves para practicar e ensinar Yin Ioga integral' suma catro manuais.
Os anteriores son máis prácticos que este último, que é máis teórico. Comeza tratando de explicar "como entender o corpo desde a propia anatomía", segue cos límites do corpo na práctica do ioga e na vida diaria, aprender a "observarnos", a permanencia nas posturas con consellos para practicar e un capítulo para ensinar ioga.
Ademais inclúe unha innovación no método de Yin Ioga "que adoita ser un método que se practica a maiores doutro. Atopábame que había alumnos que só querían practicar este e vía que era necesario implementar catro estadíos".
Preséntao este próximo sábado 26 de abril no Liceo Casino de Pontevedra ás 12.00 horas, onde ademais realizará unha práctica adaptada a todas as persoas que acudan.
